Manchester Baby

Réplica da Manchester Baby no Museo de Ciencia e Industria de Castlefield, Manchester

A Manchester Baby, tamén coñecida como Small-Scale Experimental Machine (SSEM),[1] foi a primeira computadora electrónica de programa almacenado da historia. Construída na Universidade Victoria de Manchester (Inglaterra) por Frederic C. Williams, Tom Kilburn e Geoff Tootill, executou o seu primeiro programa o 21 de xuño de 1948.[2]

A máquina non estaba deseñada para ser unha computadora práctica, sendo o seu obxectivo principal servir de banco de probas para o tubo Williams, a primeira memoria de acceso aleatorio. Malia estar considerado "pequeno e primitivo" aínda polos estándares da súa época, foi a primeira máquina funcional en conter tódolos elementos esenciais dos ordenadores modernos.[3] En canto a Manchester Baby demostrou que o seu deseño era factible, na universidade iniciouse un proxecto para desenvolver unha computadora de maior funcionalidade, a Manchester Mark 1. A Mark 1 converteríase no prototipo da Ferranti Mark 1, a primeira computadora comercial de uso xenérico dispoñible de forma comercial.[4][5]

A Manchester Baby tiña unha lonxitude de palabra de 32 bits, e unha memoria de 32 palabras (1 kilobit). Ao estar deseñada para ser a computadora de programa almacenado máis sinxela, as únicas operación aritméticas posibles no hardware eran a subtracción e a adición inversa, con outras operacións dispoñibles por medio de software. O primeiro dos tres programas que se escribiron para esta máquina servía para atopar o maior divisor propio de 218 (262 144), un cálculo que se sabía que levaría un longo tempo para executarse, probando desta forma a fiabilidade da computadora, probando cada número enteiro en dirección decrecente dende 218, realizando divisións por medio da subtracción repetida do divisor. Este programa estaba composto por 17 instrucións e tiña un tempo de execución de 52 minutos antes de acadar a resposta correcta de 131 072, tras realizar 3,5 millóns de operacións cunha velocidade efectiva de procesamento de 1,1 kIPS.

  1. Burton, Christopher P. (2005). "Replicating the Manchester Baby: Motives, methods, and messages from the past". IEEE Annals of the History of Computing 27 (3): 44–60. 
  2. Enticknap, Nicholas (Summer 1998). "Computing's Golden Jubilee". Resurrection (The Computer Conservation Society) (20). ISSN 0958-7403. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2019. Consultado o 19 April 2008. 
  3. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome EarlyComputers
  4. Napper, R. B. E. "Introduction to the Mark 1". The University of Manchester. Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2008. Consultado o 4 de novembro de 2008. 
  5. Briggs, Helen (2018-06-21). "The 'Baby' that ushered in modern computer age". BBC. Consultado o 2018-06-21. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search